Unións Agrarias cre que as axudas non son a solución e pide que se cumpra a lei da cadea alimentaria
Unións Agrarias cre que as axudas non son a solución e pide que se cumpra a lei da cadea alimentaria
Unións Agrarias cre que as axudas non son a solución e pide que se cumpra a lei da cadea alimentaria
Roberto García denuncia que os gandeiros están producindo a carne á perda
Reclámalles ás administracións máis vixilancia e que contrate máis inspectores
O sindicato Unións Agrarias cre que os problemas dos gandeiros galegos non se solucionan con axudas directas. Nunha entrevista no Bos Días, o secretario xeral do sindicato, Roberto García insiste en que non se pode producir á perda e reclámalles ás administracións que fagan cumprir a lei da cadea alimentaria.
O secretario xeral de Unión Agrarias admite que a seca en Galicia non é tan grave coma noutros lugares de España e cre que as axudas directas ao agro son pan para hoxe e fame para mañá. Roberto García explica que a crise que viven as explotacións gandeiras débese máis a un problema de prezos e de cumprimento da lei da cadea alimentaria. Este dirixente sindical lembra que a carne de vacún estase pagando a 5,80 euros por quilo canal, por baixo dos 6 con 20 que marca a lei, e non entende por que a estas alturas non se abriu ningún expediente sancionador.
"Non pretendemos subir de xeito brutal o prezo ao consumidor porque traería como consecuencia unha caída do consumo pero si que o que paga o consumidor se reparta de xeito transparente para que cada elo da cadea teña a súa marxe de beneficio e polo tanto non poida haber un só becerro por baixo deses 6,20 que a propia Xunta di que é o que custa producir un quilo de carne (...). Polo tanto máis inspeccións, máis control e sobre todo pedimos algo fundamental, que se cumpra a lei"
Con todo, García cre que a provincia de Ourense, cunhas condicións moi semellantes ás que poida ter Zamora ou Valladolid, si debería recibir as mesmas axudas ca o resto dos gandeiros.