UPN avala a expulsión dos dous deputados que votaron non á reforma laboral
UPN avala a expulsión dos dous deputados que votaron non á reforma laboral
Máis dun 80% do Consello Político do partido apoiou a decisión que ratificará o comité de garantías
Os dous deputados que votaron en contra da reforma laboral ameazan con ir aos tribunais
Moito movemento este sábado ante a sede de Unión do Pobo Navarro en Pamplona, un partido pouco acostumado a concitar tanta atención no ámbito estatal. O seu Consello Político reuníase e ratificaba a decisión adoptada o venres pola executiva de UPN, nesta ocasión con máis do 80% dos votos e favor.
"O que se fixo foi esixirlles que entreguen a acta de deputado e se non é así, obviamente, a partir de aí o que cremos é que non poden seguir en UPN. Iso é o que dixo o máximo órgano entre congresos, que é o Consello Político de UPN", resumiu á saída o presidente desta formación, José Javier Esparza.
Os dous deputados díscolos que votaron en contra da reforma laboral do Goberno, desobedecendo as ordes do partido, non aceptan a decisión. Néganse a entregar as actas de deputados pola cola coalición Navarra Suma, recorrerán ante a Comisión de Garantías de UPN e, se iso non funciona, amósanse dispostos a facelo tamén ante os tribunais de xustiza. Din que actuaron por dignidade:
"Dignidade respecto ao partido socialista. UPN non podía converterse no felpudo de Sánchez, un partido pisado por alguén que nos estaba dicindo que este pacto era por España e que ao día seguinte ía poñerlle a man ao nacionalismo de novo para estragar España", explicou Sergio Sayas, un dos parlamentarios que rompeu a disciplina de voto.
Este deputado, Sergio Sayas, non é precisamente irrelevante no partido. En 2020 competiu con José Javier Esparza pola presidencia de UPN e perdeu, pero obtivo algo máis do 40% dos votos. A brecha entre ambos non fai máis ca afondarse.