Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bares e restaurantes da Laracha sofren unha vaga de roubos

Bares e restaurantes da Laracha sofren unha vaga de roubos

Tres establecementos denunciaron asaltos durante a ponte do Primeiro de Maio

 

Danos nun dos establecementos asaltados, neste caso en Paiosaco
G24.gal 02/05/2023 14:11

O primeiro ataque foi no restaurante Bos Aires da Laracha. Pecharan xa de madrugada logo de celebrar unha cea baile, e así que chegaron á casa a alarma avisounos de que tiñan que volver ao bar.

"Vin para aquí en pixama e xa entraran roubar", conta a hostaleira Amparo Berdía. Di que os asaltantes eran dous encapuchados, que rebentaron a porta cunha macheta. "Un accedeu cunha macheta e o outro quedou fóra". O que entrou -conta- dirixiuse á rexistradora, e logo abriu "a machadazos" a máquina do tabaco.

Amparo fai o relato polo que gravaron as cámaras de seguridade, porque cando chegaron xa marcharan os cacos. Di que ademais actuaron coas luces acesas, tan descaradamente que nin os veciños sospeitaron que fora un roubo. "Faltan os botes da propina da barra, que tiña sobre 40 euros -di Amparo- e levaron os cartos do cambio, os cartos da lotaría do Día da Nai e do cupón".

Sospeitan que son os mesmos que, acaso movidos polo éxito, entraron á madrugada seguinte nunha cafetería e estanco en Paiosaco. "Rebentaron o cristal e entraron, pero non puideron sacar nada porque foi rápido", relata o propietario, Lolo Anjeriz. "Para nós fíxose eterno -aclara- pero foi rápido e non puideron levar nada ao intervir nós".

E é que os propietarios viven xusto enriba, así que baixaron en canto saltou a alarma. Tentaron entrar pola porta que comunica o local coa vivenda, que xa estaban rebentando os atracadores. "Estaban golpeando a porta cunha maza", explica Ray Mena, que colleu unha botella na casa para lanzarlla aos asaltantes. 

"Déuseme por coller algo na casa", explica. "Pero o mozo intentou agredirme, ameazoume para que non me achegara a el", conta Ray, quen puido ver como fuxían "pitando".

Saíron pitando para dar outro golpe: só vinte minutos despois entraban nunha taberna en Golmar. "Tentaron rebentar a porta, non foron quen e rebentaron a ventá" explica a propietaria, Vanesa Pallas. Tamén neste caso os cacos foron sorprendidos axiña, así que calcula Vanesa que actuaron en cousa dun minuto. "Non lles deu máis tempo porque apareceu un veciño, así que só levaron un billeteiro da máquina comecartos", di Vanesa. 

Graváronos en plena acción, e teñen fotos das caras e do coche. Xa presentaron as denuncias, e a Garda Civil investiga os feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar