O realoxamento das familias afectadas polo incendio comeza esta semana
O realoxamento das familias afectadas polo incendio comeza esta semana
As familias propietarias reclaman que as vivendas sexan declaradas zona catastrófica
A Federación de Municipios e Provincias convoca para este luns un minuto de silencio
Terceira xornada de loito oficial en Valencia polas vítimas mortais do incendio que calcinou un edificio do barrio de Campanar, onde os bombeiros continúan a traballar. Mentres, prosegue a investigación, baixo segredo sumarial, e as xestións para realoxar as familias afectadas.
Algunhas persoas achegábanse este domingo ao inmoble, ao saber que os bombeiros e a policía lograran sacar algúns obxectos do seu interior.
Para os que tiñan caixas fortes a súa localización supón, por exemplo, a recuperación de documentos.
Propietarios e inquilinos empezaron tamén a levar os seus coches do garaxe, o único espazo que se librou das lapas.
Identificación das vítimas
Mentres, os forenses seguen traballando para completar a identificación das dez vítimas mortais do sinistro. Os xulgados esperan os resultados das análises de ADN e nalgúns casos doutros estudos complementarios para poder entregarlles os corpos ás familias.
Nas inmediacións do edificio, xente anónima improvisou homenaxes ás persoas falecidas, con flores, bonecos e candeas.
A Federación de Municipios e Provincias convocou este luns ao mediodía un minuto de silencio polas vítimas ás portas de concellos e deputacións de toda España. O Senado tamén lles renderá homenaxe á mesma hora.
Realoxamento das familias afectadas
O concello traballa contra o reloxo para equipar as 131 vivendas novas dun edificio municipal, situado no barrio de Zafranar, que puxo a disposición das persoas afectadas.
Esta mesma semana poderán facer o traslado. As familias máis vulnerables e con menores serán as primeiras en ocupalos. A administración local coordina todas as súas xestións.
Á espera dos informes e co asesoramento xurídico do Colexio de Avogados, a xunta de propietarios comezou xa cos trámites e xestións coas aseguradoras e cos bancos. O edificio contaba cunha póliza de seguro por máis de 26 millóns 500.000 euros que inclúe a cobertura por incendio.
Zona catastrófica
Mentres se estudan as circunstancias en que se propagou o lume, os propietarios reclaman xa que as vivendas sexan declaradas zona catastrófica o que permitiría unha intervención do Estado e podería incrementar as indemnizacións polos danos.
Pola súa banda, os inquilinos afectados uníronse nunha asociación diferente para acollerse ás axudas públicas, tanto municipais como da Generalitat que se xestionan desde o punto de atención que o concello de Valencia habilitou.