Valentín G. Formoso, reelixido presidente da Deputación da Coruña
Valentín G. Formoso, reelixido presidente da Deputación da Coruña
Comeza o seu terceiro mandato co apoio dos deputados do PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños
Valentín González Formoso comeza o seu terceiro mandato como presidente da Deputación da Coruña. O secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes saíu reelixido este martes cos votos dos deputados socialistas, do BNG e do alcalde de Oleiros, de Alternativa dos Veciños. Asistiron ao pleno o presidente da Xunta Alfonso Rueda e os presidentes das demais deputacións provinciais, José Tomé (Lugo), Luis López (Pontevedra) e Luis Menor (Ourense).
No seu discurso, Formoso reivindicou a política construtiva "baseada no respecto e o diálogo, fronte á confrontación, os vetos e as posicións dogmáticas". Entre as prioridades para este mandato fixa o reto demográfico e revitalizar o rural.
"A acción prioritaria do Goberno terá tres áreas transversais: a loita contra o despoboamento; a creación de emprego, dinamización económica e coidado e apoio ao talento; e a aposta pola igualdade e protección dos maiores e dos máis vulnerables. Quero que esta Deputación sexa panca e non carga, ponte e non muro, para conquistar o mellor futuro", afirmou Formoso.
Coa da Coruña xa quedan constituídas as catro deputacións saídas das eleccións municipais. O presidente da Xunta agradece a man tendida de Formoso e compromete colaboración con todos os organismos provinciais.
"Non se entendería que por riba das cores políticas non houbera colaboración estreita entre administracións moi potentes, a Xunta, por suposto, pero en cada provincia as deputacións tamén teñen moito que dicir", defendeu Rueda.