Vandalizan con pintura vermella o peto de ánimas de Cacheiras, en Teo

Atacárono pola noite e hai unha investigación aberta para dar cos responsables

G24.gal 27/10/2023 14:40

Sorpresa e indignación hai en Cacheiras polo ataque ao peto de ánimas situado na travesía principal. Vandalizárono con pintura vermella, pola noite, e de momento non saben nin quen nin por que.

É un atentado contra o patrimonio, que deixou gravemente danada a peza central do peto. O Concello de Teo xa presentou denuncia para tentar esclarecer os feitos e depurar responsabilidades. Non lles chegan as palabras para cualificar o ataque. 

"Gran mágoa, sorpresa, decepción, rabia...", di Liduvina Campoamor, técnica municipal de Turismo. "É un dano enorme para o noso patrimonio, non só de Teo, senón de Galicia", engade. Para ela, o ataque é "completamente inxustificable e incualificable".

O peto de ánimas pasou por dúas restauracións, en 1987 e en 2009. Ata este ataque, a obra estaba en excelente estado de conservación. No Concello estaban tramitando a solicitude para rexistralo oficialmente como Ben de Interese Cultural.

Aínda hai que facer unha avaliación exhaustiva dos danos, pero a terceira restauración prevese máis complexa ca as anteriores. Cando estea reparado, valorarán se poñerlle un cristal para protexelo de ataques vandálicos coma este. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade