Veciños da Ponte Maceira e un peregrino rescatan unha bañista en apuros no Tambre
Veciños da Ponte Maceira e un peregrino rescatan unha bañista en apuros no Tambre
O 112 mobilizara cara ao lugar do incidente, en Ames, un helicóptero, bombeiros e varios servizos de Protección Civil
A rápida e acertada acción de tres persoas salvoulle a vida onte a unha muller alemá duns cincuenta anos que na súa peregrinación a Fisterra parou para bañarse no Tambre.
Non se sabe como a bañista acabou metida na zona do cachón sen capacidade para saír da auga. Na súa axuda acudiron dous veciños da Ponte Maceira e outro peregrino.
Lograron rescatala con vida, pero cun estrés enorme polo apuro vivido. O 112 xa mobilizara ao lugar un helicóptero e varias dotacións de Protección Civil e outros equipos de urxencias.
Por aquí pasan numerosos visitantes e, polo visto, hainos que buscan completar as sensacións da paisaxe tan atractiva cun baño... iso si, de risco alto, como destaca este afeccionado do río.
"É unha zona moi perigosa" para o baño, di Manolo, afeccionado ao baño fluvial, que nos dá a súa receita para meterse con maior seguridade nun río.
A actitude básica para evitar accidentes na poderosa Natureza é a cautela; avaliar ben as forzas, resistencia e habilidades para o caso de que unha vez dentro o panorama non sexa tan favorable como se vía desde fóra e xurdan dificultades para saír.
Por iso no río, só as zonas preparadas e con socorristas son consideradas seguras para o baño.
"Aí estás segura. O que non pode ser é meterte nun río, no Tambre que nalgúns sitios hai remuíños e meterse sen seguridade; sen unha corda, sen que ninguén che poida botar unha man...".
Os remuíños da auga e os pozos son dous dos factores que poden deparar sorpresas difíciles de superar e, tantas veces, letais no baño fluvial.