Veciños dun edificio de Lugo piden medidas para controlar unha muller que "non os deixa vivir"
Veciños dun edificio de Lugo piden medidas para controlar unha muller que "non os deixa vivir"
Aseguran que padece algún tipo de trastorno mental e que golpea as portas de madrugada e berra seguido
Piden unha intervención polo ben dos veciños, pero tamén da propia muller
En Lugo, os veciños dun edificio na rúa Santiago din que non aturan máis os problemas de convivencia que está a causar unha das inquilinas que os insulta, ameaza e que ás veces chama de madrugada ás portas dos pisos.
A muller, aseguran, sofre dalgún tipo de trastorno mental e os veciños piden ás autoridades e a Servizos Sociais que tomen medidas polo ben deles, pero tamén da propia implicada.
"Levamos tres anos con este problema, pero agravouse dende hai ano e medio. Comezou a gritar a todas as horas do día. Vives nunha tensión continua". "Está en actividade continua todo o día e pola noite tamén. Non deixa durmir".
Así é a complicada convivencia dos veciños deste edificio da rúa Santiago, de Lugo, cunha persoa que padece un trastorno psicolóxico. A comezos deste ano viviron un episodio angustioso cando saíu ao descanso armada cun coitelo ameazando uns inexistentes intrusos.
"Vive xusto en fronte de min, teño dous nenos pequenos e dende o do coitelo temos medo". "Hai moitos veciños afectados polo que está pasando". "Teño que tomar medicación para a ansiedade e a depresión".
Daquela estivo 20 días ingresada, pero volveu ás mesmas. Piden unha intervención urxente para pór fin a esta situación, pero tamén para que a muller reciba a atención médica que precisa.
"O que fai falta é un traballador social que veña a este domicilio e siga un protocolo de intervención. Porque a esta señora estanlle facendo unha intervención os veciños, porque non é que estean en contra dela, é que en dous anos cremos que nunca veu ninguén de servizos sociais".
Os veciños advirten, ademais, de que a muller é un perigo ao volante.