Veciños de Celanova denuncian que os coches estacionan durante horas na beirarrúa
Veciños de Celanova denuncian que os coches estacionan durante horas na beirarrúa
A situación repítese dende hai anos na avenida López Blanco ante a inacción da policía local, segundo denuncian
Moitos condutores aproveitan a ampla zona peonil entre a calzada e os edificios para estacionar de xeito puntual ou permanente
A infracción é tan habitual que unha captura do Street View dá conta do feito. Hai condutores que ocupan a beirarrúa como praza de aparcadoiro case permanente. Sucede dende hai anos na avenida López Blanco, que conecta o centro da vila co cuartel da garda civil de Celanova.
A sinalización de prohibido estacionar está ben visible. Aínda así non son poucos os que deixan o coche nesa ampla franxa entre a estrada e os edificios.
O problema deriva da norma urbanística que obriga os edificios de nova construción a retranquear e ceder como espazo público unha ampla franxa dende a calzada ata a fachada dos inmobles. A cuestión é que nesa mesma rúa hai casas antigas que no seu día non foron obrigadas a esa cesión e na actualidade manteñen como privada esa área da beirarrúa.
As queixas dos veciños diríxense tamén a inacción da Policía Local, que non pon freo a esta mala práctica.