Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Peliquín fronte ao Adif: eliminar o paso a nivel illará este barrio ourensán

Veciños de Peliquín fronte ao Adif: eliminar o paso a nivel illará este barrio ourensán

Os residentes critican o proxecto que suporá suprimir esa zona de tránsito e a construción dun muro de formigón de varios metros de altura para protexelos dos ruídos do tren 

G24.gal 07/09/2023 14:22

As obras previstas polo Adif para suprimir o paso a nivel no barrio ourensán de Peliquín ten os veciños en pé de guerra dende hai meses. Din que ninguén escoita as súas propostas e que quedarán illados se non se modifica o proxecto. Consiste por un lado na supresión do paso a nivel, e por outro na construción dun muro de formigón de varios metros de altura para protexelos dos ruídos do tren de alta velocidade.

Din que ambas obras acabarán por illar o barrio, e que a pasarela peonil prevista na zona non é axeitada para os veciños, que quedan sen paso para os vehículos. No mes de maio rexistraron no Congreso preto de tres mil sinaturas para que o Adif rectificase o proxecto, pero polo de agora non obtiveron resposta. 

Os veciños de Peliquín levan meses preocupados polo proxecto do Adif no seu barrio.

"Eliminan o paso a nivel, fannos unha pasarela a cincuenta metros de aquí de sete metros e medio de altura e a trescentos metros un túnel por baixo da vía para darlle servizo o autobús e iso. Nós o que estamos pedindo é un paso soterrado para peóns e para turismos, porque isto déixanos totalmente illados, do 21, da parroquia, das farmacias, mesmo da propia estación", explica Ricardo Vázquez, Presidente da Asociación de Veciños de Peliquín "Catro Camiños".

A iso hai que engadirlle ademais un muro de varios metros de altura que está previsto levantar para protexelos do ruído do tren.

"Haberá outros sistemas para non ter que facer un muro de formigón de cinco metros de altura. Por iso dicimos que: "O muro de Berlín non en Peliquín".

"Non vexo ben que planten aquí un  muro, porque somos veciños!".

Por iso falan de illamento, que é como pensan quedará o seu barrio se o proxecto vai adiante sen modificacións.

"Importantísimo xa é que dividan o lugar, iso xa é importante, porque iso tamén é Peliquín, se nos dividen...".

"O peor é como queda o barrio de Peliquín, queda totalmente inhabilitado por dicilo dalgunha maneira. É unha poboación que xa está moi envellecida e queda marxinada totalmente".

A pasarela, din, non é o acceso axeitado para moita xente maior que hai no barrio e os obrigaría a dar un rodeo para facer as tarefas diarias e comunicarse con outras zonas da cidade.

"Temos o médico na estación, temos os supermercados para ir a compra todos no 21. Aquí en Peliquín non temos servizo ningún".

"Se nos cortan este paso tamén para ir a compra e a cantidade de coches que pasan por aquí pois fannos a puñeta!".

Os veciños cren que sería posible facer un paso soterrado para peóns e vehículos na mesma zona onde se atopa agora o paso a nivel e piden que os enxeñeiros deseñen unha solución técnica que satisfaga a todos e evite o illamento e a división do barrio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade