Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Perbes, en Miño, preocupados pola seguridade dunha ponte

Veciños de Perbes, en Miño, preocupados pola seguridade dunha ponte

Hai uns días un camión bateu nela e varias pedras caeron á vía do tren

Permanece cortada ao tráfico, pero os veciños cren que a ponte segue cedendo e apareceron máis fendas

G24.gal 07/03/2024 13:49

Veciños de Perbes están preocupados polo estado da ponte do lugar de Bollo pola que por debaixo discorren as vías do tren. Hai unha semana un camión bateu nela e as pedras acabaron na vía, obrigando a cortar o tráfico ferroviario por case catro horas. Din que a ponte está cada vez máis inclinada e presenta fendas importantes.

"Escoitei o golpe desde a casa e pensei que o tren saíra da vía. Cando cheguei aquí foi cando vin isto abaixo e xa chamei ao 112". Fernando é veciño de Bollo e foi o primeiro en decatarse do que acontecera. Un camión bateu na ponte cando atravesaba a vía, pola cal non deberían circular vehículos pesados, pois é moi estreita. Co golpe, varias pedras da ponte remataron na vía do tren.

"Por aquí pasan camións con material, de formigón... pasa o que non debe de pasar" lamenta Fernando e engade que a ponte "está abrindo máis, iso vaise! Co peso que ten de maleza e coa auga que dan para estes días... igual hai outra desgraza". 

A vía está cortada ao tráfico por seguridade mentres non se poida amañar a ponte, pero o seu estado preocupa aos veciños. "Hai 40 ou 50 anos podía ser seguro, pero agora non" di outro veciño da parroquia. "As pedras están postas unhas enriba doutras e se vén alguén que as empurra, como pasou, pois cae todo abaixo". "Todo ten data de caducidade e amañalo a tempo é evitar males maiores" indica outra veciña. 

Desde o Concello de Miño indícannos que están á espera dos permisos pertinentes por parte de Adif, así como que un enxeñeiro civil de camiños realice un proxecto para acometer as obras e amañar a ponte. Mentres, a vía seguirá pechada ao tráfico por seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade