Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños do barrio da Gaiteira, na Coruña, denuncian un narcopiso no seu inmoble

Veciños do barrio da Gaiteira, na Coruña, denuncian un narcopiso no seu inmoble

Quéixanse de ruído e inseguridade pola venda de drogas no sexto andar

Piden maior presenza policial e prevención polo aumento da droga e a conflitividade no barrio

 

G24.gal 15/02/2023 13:52

Despois de meses de tormento, os veciños do 114 da rúa Oza deciden saír á rúa. Queren vivir tranquilos e seguros no seu fogar, algo imposible, din, desde que no sexto piso se instalou un punto de venda de droga.

"O timbre soa a todas horas, leváronnos a pechadura do portal, sempre hai xente e non respectan nada".

"Non temos nin un minuto de tranquilidade. Esta fin de semana quitáronnos a pechadura, deixaron a porta aberta e podía entrar calquera".

Desta volta non se trata dunha vivenda ocupada. No piso denunciado vive o fillo do propietario, que, segundo relatan os veciños, montou o narcopiso ao regresar de prisión. 

"Eu fago un chamamento ao pai deste rapaz, que faga algo para que a veciñanza poda vivir tranquila. El marchou a outro lugar da Coruña e deixounos este problema a nós", di Mar, unha das afectadas.

"Eu teño un fillo menor e non pode baixar á rúa só. Estamos moi inseguros, así non se pode vivir", comenta outra veciña.

Piden que se tomen medidas urxentes ante un problema que, aseguran, afecta tamén outras vivendas do barrio. Din que drogas como a heroína están a regresar, e tras elas o drama social e a conflitividade.

"Hai uns días atracaron dúas veces o Gadis do barrio, entraron nunha pizzería e nunha tenda de móbiles...", comenta Paulo Sexto, o presidente da asociación veciñal da Gaiteira 

No 114 xa comunicaron o seu caso á policía e ao Concello e solicitaron unha reunión coa Delegación do Goberno. Din que non van parar ata recuperar a tranquilidade porque ata a o de agora, afirman, ninguén puxo solución ao seu problema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade