Veciños do rural de Boiro reclaman fibra óptica nas súas aldeas
Os afectados piden que non os deixen atrás, xa que eles tamén precisan dunha conexión estable á Rede para poder vivir, estudar e traballar no rural
Veciños da parroquia de Lampón, en Boiro, quéixanse das dificultades para acceder a Internet nos seus fogares.
A fibra óptica chegou a algunhas aldeas da contorna pero, segundo denuncian, hai tres núcleos que quedaron excluídos do programa de instalación de Banda Ancha. Trátase dos lugares das Escobias, Mosquete e Piñeiro.
Os afectados piden que non os deixen atrás, xa que eles tamén precisan dunha conexión estable á Rede para poder vivir, estudar e traballar no rural.
"A aldeas que están a un quilómetro e pouco de aquí si lles están poñendo fibra, e a nós non. Temos que seguir coa conexión de radio, que vai e vén. Non sei o motivo polo que decidiron deixarnos fóra, saberano eles, disque non lles chegan os cartos para todos", di un veciño de Mosquete.