Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños dos Loureiros, en Santiago, claman contra o ruído que ocasiona o ocio nocturno

Veciños dos Loureiros, en Santiago, claman contra o ruído que ocasiona o ocio nocturno

Consideran que os últimos acontecementos agravan un problema que sofren desde hai anos 

Imaxe da fachada do local de copas nocturno cara ao que a veciñanza dirixe as queixa polo ruído que se xera ao seu redor
G24.gal 13/02/2024 13:54

É a mañá do martes de Entroido e na rúa compostelá dos Loureiros quedan pegadas da última noite de festa. Os  veciños xa relegan a mal menor o estado da rúa, pivotes ou que non haxa aparcadoiro reservado para residentes. O seu gran problema é o barullo que teñen que aturar desde a medianoite ata que volve ser día, e piden a acción de quen poden cambiar unha situación que lles resulta estresante:

"Non se pode durmir polas noites. Nin sequera se pode facer realidade a frase de "durmir nos loureiros"aquí nos Loureiros non dorme ninguén. Podería vir a alcaldesa ou calquera dos representantes municipais pola noite para ver que é imposible durmir aquí", explica Héctor Pardo, residente nesta rúa.

"Non acaba a xolda ata as seis da mañá e, por moito que chames a Policía Local, aquí non vén ninguén. Eu non lles boto a culpa aos rapaces, que teñen todo o dereito a divertirse. Bótolle a culpa ao pub Black, que teñen a obriga de cumprir coa normativa e, polo tanto, evitar que a xente beba fóra do local, faga ruído na rúa. E se o Black ten responsabilidade, que imos dicir dos políticos gobernantes porque non fan nada pola rúa nin pola xente da rúa".

Este problema vén de vello, pero consideran que está indo a máis ao citaren un episodio vivido unha das últimas noites.

"A un veciño que lle entraron no portal, ouriñaron, vomitaron..., é que é unha inseguridade; porque estás na túa casa durmindo e que teñas xente estraña abaixo no portal, que che poden entrar na casa. Iso xa é un delito", di outro residente de Loureiros, que evita dar o seu nome.

Entre as demandas dos veciños directamente prexudicados polo ruído que xera o ocio nocturno está a da revisión de horarios de apertura, de xeito que nunha zona residencial non se lles permita a actividade en horas de madrugada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade