Valdeorras alcanza os 42 graos este martes
Valdeorras alcanza os 42 graos este martes
O nivel 2 por calor está activo na comarca de Valdeorras ata o venres
Coa primeira vaga de calor aínda recente, que deixou temperaturas récord en Ourense, este martes a provincia volveu a rexistrar valores por encima dos 40 graos en varios puntos, coa máxima en 42 graos en Valdeorras, aínda que os valores non foron tan elevados.
Segundo os datos recollidos este martes por Meteogalicia, o municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras notificou 42,37 graos, o que supón a temperatura máis alta na xornada de hoxe en Galicia.
A estación meteorolóxica de Leiro rexistrou 41,6, seguida da cidade de Ourense, con 40,51.
Entre as temperaturas máis altas, tamén se atopan a estación de Remuíño, en Arnoia, notificou 40,4 graos, e Castrelo de Miño, con 40,3.
Deste xeito, cúmprense os prognósticos marcados pola Xunta, que esta mesma mañá decidiu manter o nivel de alerta 2 (risco medio) por calor na comarca de Valdeorras ata o venres, aínda que se prevé que as temperaturas non sexan tan acusadas nos próximos días.
Este nivel dous afecta aos Concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Meteogalicia sitúa para a xornada de mañá en nivel amarelo os avisos para toda a provincia, incluída a comarca valdeorresa.