Venden en Ribadeo un boleto da ONCE premiado cun millón de euros
Venden en Ribadeo un boleto da ONCE premiado cun millón de euros
A persoa agraciada mercou o boleto, un rasca e gaña, nun restaurante do porto
Un cliente dun coñecido restaurante do porto de Ribadeo fíxose millonario tras adquirir un boleto da ONCE. Tratábase dun Rasca Platinum, que é a última modalidade dos coñecidos como rasca e gaña.
O premio gañado resultou ser o da máxima contía, un millón de euros, que é ademais a maior cantidade repartida ata o momento neste negocio.
"Vendémosllo a un señor, que vimos saír correndo. E logo soubemos que lle tocara un millón de euros", conta César Álvarez, encargado do restaurante.
Ao parecer, polo momento o premio aínda non foi cobrado. Tocante á identidade da persoa agraciada, que comprara un único boleto, no establecemento ribadense teñen claro que non se trata de alguén da vila.
"Vendémoslle un e tocoulle o premio á primeira. Non podemos dicir quen é porque non o sabemos. Era un turista que pasaba", di César.
Con este último, xa van catro premios repartidos na Mariña nos últimos días. En pouco máis dunha semana, a Lotería Nacional repartiu 60.000 euros en Foz, 30.000 na Pontenova e outro tanto en Burela.