Homenaxe ás polbeiras do Carballiño nun sorteo da lotería nacional
Homenaxe ás polbeiras do Carballiño nun sorteo da lotería nacional
O décimo do sorteo do xoves 25 de xullo leva a figura da escultura da polbeira obra de Laura Rodríguez
Xa están á venda dende esta semana os décimos do sorteo do Nadal
Foi unha petición da Asociación de Polbeiras do Carballiño conxuntamente cos administradores de lotería da vila. E foi aceptada polo organismo Loterías y apuestas del estado, que decidiu escoller o sorteo ordinario do vindeiro xoves 25 de xullo para render unha homenaxe ao oficio e tradición das polbeiras de Arcos e do Carballiño.
"A iniciativa está tendo moita aceptación, hai moita demanda. Por ter o décimo en si de recordo, porque ten a escultura da polbeira. Moita xente pide números en particular, e bastante cantidade, porque quere repartir cos amigos e coa familia", sinala Érica Pérez, empregada da Administración de Loterías Prada, situada no centro da vila do Arenteiro.
Veciños e visitantes adquiren no portelo os décimos deste sorteo especial para a vila. Póñense á venda seis millóns de décimos, cun premio de 30.000 euros para cada un.
E xa están á venda tamén os décimos do sorteo do Nadal. "Comezamos esta semana, que foi cando os entregou Loterías, e xa hai demanda. Hai moitos ourensáns que están fóra e veñen mercar para repartir coa familia. Pídennos moito tamén por teléfono ou Internet, xente que está en México ou Panamá", comenta Luis Carballeda, propietario da aministración situada na rúa Ervedelo de Ourense, que foi agraciado o pasado ano cun décimo do primeiro premio.