Verónica Bolón: "Necesítanse máis mulleres nas aulas para rachar a fenda de xénero na tecnoloxía"
Verónica Bolón: "Necesítanse máis mulleres nas aulas para rachar a fenda de xénero na tecnoloxía"
No Día Internacional das Nenas nas TIC, a investigadora e profesora da UDC confirma que hai unha leve repunta de alumnas en Informática
O 75 % dos postos de traballo en 2050 estarán relacionados coas áreas STEM, segundo a ONU
A infrarrepresentación das mulleres nos estudos universitarios desta área trasládase ao mercado laboral e acentúase nos postos de liderado
A ONU instituíu en 2011 o Día Internacional das Nenas nas TIC, que se celebra o cuarto xoves de abril. Era necesario poñer de relevo a infrarrepresentación das mulleres nos estudos de tecnoloxías, informática ou matemáticas, onde a fenda de xénero persiste, con estereotipos que xa nas aulas, apenas comezada a primaria, son visibles. Existen distintas iniciativas para tratar de paliar esta desigualdade xa desde idades temperás, aínda que a participación das mulleres en carreiras desta área e, polo tanto, en postos de traballo relacionados, mantense estancada.
Verónica Bolón é investigadora do CITIC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicación, e tamén profesora na Facultade de Informática da Coruña. Coordina un deses proxectos, o Inspira STEM, para tratar de que as nenas de primaria venzan os prexuízos e se animen a estudar disciplinas deste campo.
"Non hai reticencias, pero si vemos que as rapazas están moito menos cohibidas cando non están os nenos diante para traballar nestas disciplinas", explica, ao referirse ás actividades que realizan neste proxecto. "Nos rapaces vense xa actitudes como que hai cousas que os nenos podemos facer e as nenas non...", o que "reafirma a necesidade de seguir traballando.
Bolón refírese tamén ás aulas universitarias onde dá clase. "Durante moitos anos estivemos entre o 12 e o 13 por cento de mulleres en Enxeñería Informática, este ano houbo unha repunta ata o 18 por cento". A situación mellora nas novas titulacións de Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñería de Datos, onde "estamos entre o 30 e o 40 por cento". Semella, explica, Bolón, que "a palabra informática é tabú". De feito, sostén que "existe moito estereotipo friki, sobre que as persoas que estudan Informática son raras, sen habilidades sociais... e nada máis lonxe da realidade, sobre todo hoxe, en que a Informática é unha materia transversal, que estamos en contacto con investigadores de calquera outra disciplina e traballamos en equipo, non de forma individual".
Por outra parte, respecto do mercado de traballo, confirma que as perspectivas son moi boas. "Pásanos moitas veces que alumnado que aínda non rematou o traballo de fin de grao xa está traballando, porque as empresas veñen á facultade a captar alumnos".
No Día das Nenas nas TIC esta profesora anima as rapazas a que "consideren a opción destas carreiras se lles gustan porque van traballar para contribuír a construír o futuro da sociedade". E engade: "A tecnoloxía vai ter moitísimo impacto e necesitamos estar involucradas para que tamén se teñan en conta as necesidades das mulleres, que este desenvolvemento non só o lideren homes".