Publicador de contidos
Publicador de contidos

Verteduras industriais ocasionan mortaldade de troitas en Cerceda

Verteduras industriais ocasionan mortaldade de troitas en Cerceda

Dúas verteduras, unha deles con cheiro a lixivia, nos últimos días á altura do polígono industrial do Acevedo, en Cerceda

Imaxe do río no polígono do Acevedo este martes á mañá
G24.gal 05/04/2022 14:25

As imaxes que captamos este martes, con tempo seco e solleiro son unha evidencia de que a canalización de pluviais que desemboca no Acevedo, en Cerceda, non leva auga de chuvia.

O tramo fluvial onda o polígono industrial do mesmo nome presenta varias mostras de contaminación e mesmo hai zonas con cheiro desagradable.

As imaxes captadas días atrás reflicten unha vertedura aínda maior á de hoxe e de consecuencias mortais para as troitas, como denunciaron desde a Sociedade de Pesca Río Lengüelle.

"Había un cheiro forte a lixivia e xa me decatei de que había escuma. Xa é a segunda vertedura que se producía estas semanas pasadas. A anterior xa deixara unha mortaldade de troitas bastante grande en 500 metros de río. E claro, agora mesmo non había troitas mortas porque xa morreran todas nese primeiro. Entón chamamos e denunciamos a vertedura. Nos últimos tempos nesta zona están a producirse varias verteduras", di Mario Castro, membro da Sociedade de Pesca Río Lengüelle.

Sospeitan que a orixe está en que no polígono hai empresas que non están conectadas á rede da depuradora e verten ás canalizacións de pluviais elementos contaminantes que acaban no leito do río. Encontramos varias persoas camiñando que din que isto pasou moitas veces. Algunha, como Geli, quixo contalo:

"Algunhas veces vimos paseando e temos visto peixes mortos, sucidade de escuma sobre todo nas zonas do río onde empoza algo a auga, escuma e ás veces peixes mortos tamén".

Ademais dos prexuízos e mesmo mortaldade da fauna e flora do río, desde a Sociedade de pesca Río Lengüelle alertan de que os riscos de verteduras tóxicas son aínda máis amplos, como sinala Castro:

"Uns quilómetros máis abaixo está a captación de auga que consumimos os veciños de Cerceda, que é un problema bastante grave tamén".

Polo que nos explica o representante da Sociedade de Pesca, dar co causante das verteduras non é doado, porque xeralmente adoitan facelo en horas en que non se vexa moito nin haxa testemuñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade