Viaxar é máis caro, pero movémonos máis ca nunca
Viaxar é máis caro, pero movémonos máis ca nunca
Os paquetes vacacionais encarecen máis dun 16 por cento, segundo o último informe do IPC
Medra a demanda de destinos exóticos: Exipto e Xordania son tendencia
Viaxamos para desconectar, aprender, vivir: "Para min é fundamental, necesito saír, despexarme, eu aforro para viaxar", conta unha viaxeira.
O certo é que non queda outra. O último informe do IPC di que os paquetes de vacacións subiron máis dun 16 %. Aínda así movémonos máis que nunca.
"O luns marcho para Londres", di unha moza, e outra explica: "Acabo de chegar dunha viaxe e xa vou reservar outra".
Tras a pandemia viaxar pasou de ser un gasto a un investimento. Empregamos o enxeño para sempre ter opcións.
"Podes buscar sitios de peor calidade, para aloxarte sempre hai opcións", explica unha moza. E outro rapaz engade "sempre queda o recurso de viaxar a visitar aos vellos amigos aos que fai tempo que non ves, eu son moi sentimental".
Con ou sen a escusa dos amigos o certo é que son moitos os que xa comezan a organizar as súas vacacións. Exipto, Xordania e Asia son destinos tendencia.
"Estamos nun momento cunha demanda moi interesante, hai moita xente que está xa organizando as súas vacacións, si hai unha tendencia a subir un pouco os prezos, é normal, os hoteis repercuten o custo da vida", explica o axente de viaxes Óscar Regal.
Outra suba máis pero á que moitos prefiren non renunciar.