Vigo énchese de lixo tras quince días de folga dos traballadores de parques e xardíns
Vigo énchese de lixo tras quince días de folga dos traballadores de parques e xardíns
Ampliáronse os servizos mínimos, que xuntan lixo pero non o retiran
Hai quince días que comezou a folga do persoal de parques e xardíns de Vigo e a imaxe que ofrecen lugares coma estes de Samil dan noxo. O lixo amoréase por todas as partes, as moscas invádeno todo e as gaivotas arramplan co que poden. Os servizos mínimos ampliáronse, pero baixo a premisa de xuntar, non de recoller o lixo.
Achegarse á praia de Samil é case como facer unha xincana entre o lixo que o invade todo. Xa son quince os días de folga do persoal de parques e xardíns, e as consecuencias á vista están. A xente está indignada, malia que apoia as reclamacións dos traballadores.
A afluencia de turistas estes días é masiva e a imaxe lamentable. Unha turista comenta: "Chegamos o sábado de Zaragoza, e a situación da praia para o turista é bastante terrible. Viñemos co can, e onte saín a correr con el e estaba todo isto con cristais".
A UTE Zonas Verdes ten a concesión municipal do mantemento de parques e xardíns do Concello, e os traballadores piden a suba do IPC nos seus soldos. Este luns comezaron un proceso de mediación que, de non saír adiante, podería pór en risco unha normal celebración do Marisquiño, a gran cita do verán en Vigo.
.