Vilalonga e Poio selan a paz e chaman a frear a violencia no fútbol
Vilalonga e Poio selan a paz e chaman a frear a violencia no fútbol
Nun exemplo de conciliación e cordialidade, as partes implicadas reuníronse para facer as paces e poñer punto final á polémica
Tras a tensión xerada nas últimas horas entre os equipos infantís do Vilalonga e o Poio polo desafortunado comentario sexista do adestador do equipo visitante en relación á porteira do Vilalonga, nun exemplo de conciliación e cordialidade, as partes implicadas reuníronse para facer as paces e poñer punto final á polémica.
O adestrador desculpouse persoalmente e os clubs emitiron un comunicado conxunto chamando a frear todo tipo de violencia verbal, física e machista no fútbol. Os feitos sucederan neste campo do Revel en Sanxenxo, o domingo. Xogaban os equipos infantís do Vilalonga e o Poio.
O adestrador do equipo visitante, nun intento por arengar os seus xogadores, fixo un desafortunado comentario sexista que facía referencia á porteira do equipo local, unha rapaza de 13 anos. Malia que o árbitro non o escoitou e non o recolleu na acta, os pais da rapaza, que estaban na bancada, si. Recrimináronllo, e o adestrador desculpouse.
Pero o caso fíxose viral e a tensión alcanzou límites que desbordaron todas as partes. Nun intento por rebaixar esa tensión e frear a polémica, os pais da xogadora fomentaron unha xuntanza onte á tarde entre todas as partes implicadas. O adestrador do Poio pediu desculpas polo comentario, recoñeceuno e condenou este tipo de actos.
Así se recolle no comunicado conxunto emitido polos dous clubs tras a reunión. Nel chaman tamén a frear todo tipo de violencia no fútbol, as hostilidades xeradas por este episodio e animan a difundir os bos comportamentos e valores do deporte.
A xogadora recibiu o apoio dos seus compañeiros de equipo, e nas últimas horas múltiples mensaxes de ánimo e apoio. O próximo domingo foi convidada polo Viaxes Interrias feminino a facer o saque de honra no seu partido.