Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan a 21 anos de prisión o home que asasinou á súa muller en Gondomar

Condenan a 21 anos de prisión o home que asasinou á súa muller en Gondomar

O home asasinou en 2020 a súa muller, coa que levaba 41 anos casado, a coiteladas na casa que compartían 

G24.gal 06/07/2023 13:00

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 21 anos de cárcere o home que matou a coiteladas á súa muller en decembro de 2020 na localidade pontevedresa de Gondomar.

Valentín, de 67 anos, foi sentenciado como autor do asasinato da súa muller, Soledad, que tiña 59, coas agravantes de xénero e parentesco.

A Audiencia acordou prorrogar a privación da patria potestade ou posibilidade de obtela en relación cun dos fillos do condenado e da vítima, co cal tampouco poderá comunicarse nin aproximarse a menos de 200 metros do seu domicilio ou lugares que frecuente durante 26 anos.

Tamén lle impuxo unha indemnización de 300.000 euros aos seus dous fillos.

A maxistrada presidenta do Tribunal do Xurado considera probado que atacou á súa esposa "co propósito de acabar coa súa vida" e movido por razóns "de dominación e desprezo cara a ela pola súa condición feminina".

No fallo, indica que o home lle "beraba e a humillaba de forma habitual" e que decidiu matala "como acto de imposición e dominio".

Os membros do Xurado entenderon acreditado que a vítima "non tivo posibilidade de defenderse da agresión" do seu marido cunha arma cortante debido a que padecía obesidade mórbida e artrose, circunstancias que anulaban "a súa capacidade de defensa" e das que se aproveitou o condenado.

Os membros do tribunal, segundo sostén a maxistrada presidenta, baseáronse para chegar a esta conclusión no informe forense, "no cal se fai constar que non hai signos de ataque da vítima ao acusado" e no que se conclúe que era "imposible que puidese fuxir" debido ás súas patoloxías.

"Da forma do ataque e feridas causadas, deducen os xurados, conforme á lóxica e a razón, a intención de matar á súa esposa que guiaba ao acusado", indica a maxistrada presidenta.

Incide en que o feito de que os xurados declaren probado que, antes do ataque, a muller colleu un coitelo para defenderse ante un empuxón do seu marido e apreciasen lesións de defensa, "non elimina a concorrencia da aleivosía, visto que ante a agresión co coitelo por parte do seu esposo, as limitacións da vítima, segundo os xurados, impedíanlle fuxir e defenderse de forma eficaz".

O xurado estimou que "non hai sinais de que atacase ao seu marido" e que as lesións de defensa que tiña nas mans eran "mínimas" e compatibles "con intentos defensivos nados do propio instinto de conservación, pero sen eficacia verdadeira contra o agresor e a acción homicida".

A maxistrada recalca: "Non existiu, segundo os xurados, a posibilidade dunha resistencia minimamente eficaz, ou dunha defensa real que puidese provir da propia vítima", polo cal, entende que "concorre a agravante de aleivosía que cualifica o asasinato".

En canto á intención do acusado de causar a morte á súa muller, afirma que non cabe outra dedución, "atendendo á natureza do instrumento empregado, as zonas do corpo da vítima ás que dirixiu o ataque e as numerosas puñaladas e entidade das mesmas".

Soledad recibiu múltiples puñaladas e sufriu diversas lesións, entre elas unha mortal de necesidade no corazón, e tiña diminuídas as súas opcións de defenderse por problemas de mobilidade que lle ocasionaba a súa obesidade mórbida e a artrose.

A Fiscalía e as acusacións pedían para o acusado 25 anos de prisión, cinco menos dos inicialmente solicitados, e 300.000 euros de responsabilidade civil para o fillo menor e 250.000 para o maior, que é o seu titor, unhas cantidades económicas que a defensa solicitara rebaixar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade