González Formoso lamenta que Rueda non viaxase primeiro a Bruxelas
González Formoso lamenta que Rueda non viaxase primeiro a Bruxelas
O líder dos socialistas galegos comprende a viaxe do presidente á Arxentina e o Uruguai, pero considera que hai "outras prioridades"
O secretario xeral do PSdeG lamenta que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non empezase a súa xira exterior en Bruxelas para poñer en valor o papel de Galicia e os seus intereses, alí "onde se deciden practicamente todos os asuntos do noso quefacer diario".
Valentín González Formoso valora o desprazamento do mandatario galego á Arxentina e o Uruguai, pois considera que estreitar eses lazos "debe ser unha obrigación". Porén, iso non quita, ao seu xuízo, que nestes momentos haxa "outras prioridades" ante a existencia de "asuntos de relevancia" tales coma o veto ao arrastre que afecta "a case o 30 % da pesca galega".
No día da muller rural o secretario xeral do PSdeG achegouse a Vilalba para coñecer o traballo dunha empresa que se dedica ao envasado e comercialización de cogomelos, grelos e outros produtos autóctonos.
Valentín González Formoso gabou a estratexia desenvolvida por esta firma, que se profesionalizou hai vinte e un anos, cunha muller á fronte. Recentemente, a empresa incorporou á súa produción a elaboración de aceites con plantas silvestres.
A maior parte dos produtos expórtanos a Francia, especialmente os cogomelos. Todos os artigos son recollidos e envasados no mesmo día, o que lles permite prescindir de conservantes.