O condenado polo crime de Toques apela para solicitar que o absolvan ou repitan o xuízo
O condenado polo crime de Toques apela para solicitar que o absolvan ou repitan o xuízo
A súa defensa sostén que non hai proba dabondo para consideralo autor duns delitos de homicidio e danos polos que foi condenado en primeira instancia a 14 anos e medio de cadea
Marcial Carreira volveu sentar no banco dos acusados para asistir á vista de apelación. A súa avogada non está conforme coa condena de catorce anos e medio de cadea. O xurado popular considerouno, en xullo pasado, culpable de matar un veciño seu e, posteriormente, trasladar o seu vehículo e o corpo ata unha área boscosa da área de Capela, en Toques, onde lle prendeu lume tanto ao coche como ao cadáver cunha garrafa de gasolina, en marzo de 2019.
"Non hai proba dabondo para que se lle declare autor dos feitos", explica Carmen Varela, a avogada da defensa.
Nesta causa, tamén estaban acusados, nun principio, un irmán e un curmán do agora condenado. O primeiro foi absolto de facto ao considerar o maxistrado que non existe proba de cargo. O outro foi exculpado polo xurado popular.
"Eu alégrome de que Manuel (o irmán de Marcial) fora absolto porque non había probas, pero é o mesmo caso que Marcial. E o seu curmán, coas súas declaracións entra en contradición con algunhas probas. Pido a libre absolución ou, alternativamente, a repetición do xuízo", engade a avogada da defensa.
A fiscalía e a acusación particular solicitan a ratificación da sentenza. Agora terá que agardar ao veredicto do alto tribunal galego.