Volven os abrazos ao Apóstolo
Volven os abrazos ao Apóstolo
A catedral de Santiago vai recuperar o ritual da aperta ao Apóstolo suspendido pola covid
Unha ducia de albergues do camiño Francés non van admitir maletas
Buscan recuperar a esencia do camiño que é esforzo e sacrificio
"Eu tiven a sorte de poder darlle unha aperta hai aproximadamente 11, 12 anos", comenta un turista.
Por un angosto camerín situado sobre a tumba de Santiago pasaron durante séculos reis, papas e milleiros de fieis que quixeron cumprir cun dos ritos máis antigos da tradición xacobea, a aperta ao Apóstolo. Agora e despois dunha parada de tres anos por mor da pandemia, o arcebispado anuncia que volve abrir o camerín.
"Si que é unha tradicion. A verdade é que si que á xente lle gustaba moito de facer", apunta María Salvador, guía oficial de Turismo.
"É unha das cousas que vimos con moitísima ilusión, a darlle a aperta", comparte outra turista.
Con todo, aínda hai quen é reticente ao contacto coa imaxe. A covid cambiouno todo.
"Darllo de lonxe tamén é boa situación", indica outra muller.
Con aperta ou sen ela os camiños seguen cheos de peregrinos. Cada vez son máis os que van lixeiros de equipaxe
"Somos xa da terceira idade e canto menos peso levemos mellor"; "Pesa moito a mochila para levala tantos días", comentan dous peregrinos.
É por iso que moitos optan por contratar un servizo de transporte. A imaxe dos albergues cheos de maletas e mochilas empeza a ser o máis habitual.
"Nós en todos os albergues que paramos, as mochilas e as maletas estaban na porta", continúa un dos peregrinos.
Iso é o que queren evitar varias asociacións de amigos do Camiño Francés co fin de recuperar a esencia da ruta xacobea que é esforzo e sacrificio. A partir do 12 de xuño todos os peregrinos que queiran pernoctar nos albergues que xestionan as asociacións de amigos das rutas xacobeas englobadas na Federación Camiño Francés van ter que cargar coa súa propia mochila.
Queren acabar co envío de maletas por transportista. Esta medida afecta a 12 albergues que teñen esta ruta, ningún deles situado polo de agora dentro de Galicia. O que pretenden é recuperar e protexer a esencia do Camiño, que require esforzo e sacrificio, e evitar o auxe turístico e a banalización da tradición xacobea.