Xa son tres as narcolanchas comisadas en Vilaxoán e seis os detidos nesta operación antidroga
Xa son tres as narcolanchas comisadas en Vilaxoán e seis os detidos nesta operación antidroga
Continúan os rexistros nunha nave de Vilaxoán propiedade do empesario Juan Vidal Padín
Os axentes buscan probas que o relacionen co narcosubmarino Poseidón
Un dispositivo máis discreto continuou por segundo día co rexistro das propiedades de Juan Vidal Padin, o Burro. Buscan probas documentais que vinculen o empresario arousán co narcosubmarino Poseidón e as narcolanchas que apareceron en Ribeira hai un ano.
Na operación da Garda Civil, Policia Nacional e Vixilancia Aduaneira incautáronse de tres narcolanchas, unha delas aínda en construción.
Ante a envergadura das embarcacións é necesario utilizar camións guindastre para retiralas da nave.
Ás cinco persoas detidas en Galicia sumouse nas últimas horas a dun cidadán colombiano, ao que prenderon en Fuerteventura.
"É un traballo longo. Levan máis dun ano traballando as forzas de seguridade do Estado. Felicitalos porque están traballando arreo no desmantelamento deste tipo de organizacións", dixo Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.
Durante a investigación cruzáronse datos de telecomunicacións para reconstruír o traxecto do narcosubmarino e as embarcacións supostamente utilizadas para levar a terra un grande alixo de cocaína.
O empresario arousán detido vive entre España e Colombia, onde ten lazos familiares e comerciais.
Levaba tempo no punto de mira das forzas de seguridade. Este xoves está previsto que os detidos pasen a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía.