XIV Festa do Petote en Cerdedo-Cotobade: a homenaxe a unha humilde e antiga receita
XIV Festa do Petote en Cerdedo-Cotobade: a homenaxe a unha humilde e antiga receita
Oito restaurantes sumáronse á convocatoria de 2024
As reservas están case esgotadas
Previo ao Entroido, o domingo oito restaurantes de Cerdedo-Cotobade homenaxean o petote na festa gastronómica que desde hai 14 anos enxalza esta humilde receita tradicional.
Un pequeno bolo de distintas fariñas que enriquecía o caldo cando non había moito que meter na pota.
O restaurante O Comareiro foi durante 40 anos o núcleo de Cerdedo, pero pechou hai anos por xubilación. O 22 de decembro pasado volveuno abrir unha antiga empregada, natural do concello, cunha socia de México. Ilusionadas, afrontan o reto de participar por primeira vez na Festa do Petote, coa súa cociña galego-mexicana.
"Na miña casa sempre se fixo o petote. Estiveron dándonos clase a miña veciña e a miña nai a nós as dúas. Leva fariña de trigo e de millo e faise coa auga do cocido. Cortámolo en toriños e presentámolo. Se sobra, pódese fritir na tixola e está riquísimo", cóntanos Esther Pereira, cociñeira e socia do restaurante O Comareiro.
"Ten moito en común con América, porque o millo veu de aló no século XVII. Cando o probei e me falaron del axiña pensei nas miñas raíces", engade Coring Penney, a outra socia do restaurante.
Verdura, patacas e carnes, sen que falte o chourizo ceboleiro, acompañan o petote nunha ración de 23 euros que inclúe o pan de mestura de Cerdedo e as sobremesas tradicionais do Entroido local: filloas e vincha. O comedor está case completo.
M. Carmen Troitiño, dona e cociñeira do Comareiro durante 40 anos, curiosamente nunca probara o petote, pero está disposta a facelo esta edición e agarda que veña moita xente a probalo ao Comareiro.
"Eu o petote non o probei, hei de probar o de Esther cando o faga ela. Mi madriña, canta xente marchaba por non ter onde aparcar, pero agora si que hai; logo, que veña moita xente, que é o que fai falla".
As pandeiretas animarán o que se presume que será un longo xantar con vistas á ponte medieval e á calzada romana que atravesan o curso alto do río Lérez neste verde val de Cerdedo. Como di Esther, xantar aquí é un luxo.