Xoán Carlos I chega á última xornada do Trofeo Xacobeo con opcións de vitoria
Xoán Carlos I chega á última xornada do Trofeo Xacobeo con opcións de vitoria
O Bribón dominou a segunda proba do día dende o inicio e sitúase a un punto do líder
O rei emérito chega á última xornada do Trofeo Xacobeo con opcións de gañar a regata da clase 6M despois de asinar un terceiro e un primeiro posto nas dúas probas que se celebraron este sábado en Sanxenxo, onde se aloxa desde o pasado martes.
O segundo día de competición estivo marcado de novo polas condicións meteorolóxicas, cunha media de nove nós de vento de compoñente suroeste e un pouco máis de mar que na xornada inaugural.
Tras asinar o venres dous segundos postos, o Alibaba II de Miguel Lago postulouse como máximo favorito ao triunfo final despois de vencer a primeira das dúas mangas.
Tamén confirmou a súa candidatura ao título continental que se disputará entre finais de setembro e principios de outubro tamén na Ría de Pontevedra.
A primeira regata desta segunda xornada definiuse claramente polo primeiro tramo de cinguida, onde o Alibaba II e o Aida conseguiron marcar o ritmo da regata, deixando sen opcións o Bribón.
Do mesmo xeito que sucedeu na xornada deste venres, o barco do emérito vingouse na segunda proba do día, que dominou con autoridade desde o inicio.
Segundo foi o Titia e terceiro o Aida, mentres que o Alibaba II se tivo que conformar cun cuarto posto. Ese triunfo permítelle ao Bribón e a Xoán Carlos I chegar á última xornada a tan só un punto do líder.