Máis de 14.000 cruceiristas chegan á Coruña en 5 transatlánticos
É a segunda maior escala deste tipo de embarcacións no porto coruñés, só superada pola chegada de 6 transatlánticos en maio de 2014
Aínda non amencera e xa facía entrada no porto da Coruña o primeiro dos cinco xigantes do mar. Pouco a pouco foron chegando os outros. Pero antes das seis da mañá a torre de control marítimo comezou a encherse de vida.
"Os barcos téñennos que chamar con dúas horas de antelación e nós comprobamos que toda a documentación está en regra", explica Roberto Pereira Maraña, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña.
"Nós asegurámonos de que vaian pola enfilación de entrada, pola súa seguridade, ata que chegan ao punto de prácticos e este acompañaríao na manobra ata o atraque", engade María Piñeiro Caamaño, controladora do Centro de Salvamento Marítimo.
A de hoxe é a primeira escala quíntupla en toda a traxectoria do porto coruñés e a segunda maior da historia, só superada en maio do 2014 pola chegada de 6 transatlánticos. Este martes, entre pasaxeiros e tripulación, chegaron á cidade un total de 14.548 persoas.
"Imos bater uns con outros..., pero imos pasalo moi ben". "Imos coñecer un pouco por aquí". "É fermoso. Amais está un día moi bo", comentan algúns turistas.
"Estamos moi contentos. Que veñan moitos máis". "Temos a terraza chea de cruceiristas...", din con ledicia os hostaleiros.
E para que todo transcorra sen incidencias, arredor de 150 persoas forman parte dun operativo especial.
"O traballo nestes días tan especiais é un pouco máis estresante porque se houbese unha emerxencia..., son moitas as persoas que teriamos que atender", di Pereira Maraña.
Desde aquí seguen supervisando cada movemento e, por suposto, as saídas progresivas dos cruceiros, entre as dúas da tarde e as nove da noite.