Rey Varela: "Ferrol non pode quedar fóra do Eixo Atlántico da alta velocidade"
Rey Varela: "Ferrol non pode quedar fóra do Eixo Atlántico da alta velocidade"
O alcalde de Ferrol amósase preocupado despois de que o Goberno Central en funcións lle trasladase á Xunta que non se contempla a inclusión da cidade
O popular avanza que traballa na elaboración dos orzamentos do 2024 tras aprobar este xoves de xeito definitivo o primeiro presuposto desta lexislatura
O alcalde de Ferrol, o popular Xosé Manuel Rey Varela, reclama ao Goberno Central en funcións que rectifique e non deixe a cidade sen conexión coa alta velocidade.
Nunha entrevista no Galicia por diante, o rexedor admite a súa preocupación tras coñecer o resultado da reunión entre Xunta e goberno central en funcións na que, segundo a conselleira de infraestruturas, o ministerio de transportes lles trasladou que non contemplan a inclusión de Ferrol.
"Non pode ser que Ferrol quede fóra do eixo atlántico da alta velocidade. Non pode ser que dúas das sete grandes cidades de Galicia, Ferrol e Lugo, non están claramente incluídas na alta velocidade. Sen tren, vamos ter moi difícil a nosa competitividade e a conexión territorial de toda Galicia. Eu de verdade que espero e desexo que teñamos avances nos próximos meses. Hoxe sen tren non estás no mapa das infraestruturas en España", apunta o rexedor.
O alcalde advirte de que non se pode tolerar un novo "agravio" e reclama tamén investimentos para a conexión ferroviaria entre Coruña e Ferrol.
En páxina municipal, Rey Varela amosa a súa satisfacción pola elaboración e aprobación duns orzamentos nos primeiros 100 días de goberno. O pleno deulle, este xoves, luz verde definitiva ás contas do 2023 que saíron adiante cos votos a favor do PP, partido que goberno con maioría absoluta.
Destaca Rey Varela que os orzamentos aprobados "apostan polo emprego, polos recursos humanos de carácter municipal. Conseguimos incorporar unha partida importante para pagar as débedas co persoal municipal. Apostamos polas persoas a través de incrementos orzamentarios en política social, na atención das persoas maiores e en igualdade. Levamos tamén un plan de transformación urbana con proxectos importantes coma o de abrir Ferrol ó mar e a cidade do deporte".
Avanza o rexedor que están a elaborar as contas do 2024 que, segundo dixo, sentarán as bases para a recuperación económica e do emprego na cidade.
Advirte das dificultades que atoparon ao chegar ao Concello, con "máis de 50 servizos sen contratos, como o da limpeza, parques e xardíns, subministración eléctrica.... O que repercutía nos traballadores e nunha menor calidade dos servizos. Os orzamentos do 2023 son un primeiro paso para solucionar este tipo de problemas".
Avanza o rexedor que están a elaborar as contas do 2024. Tende a man á oposición para que fagan propostas realistas e repróchalle aos partidos que nas contas deste ano presentasen "alegacións e emendas que eran máis ben para dicir que non contamos con eles máis que para buscar proxectos serios e solventes que poidan ter financiamento".
Xosé Manuel Rey Varela apuntaba, durante a entrevista, que en breve aprobarase e estará en vigor a ordenanza que permitirá reducir a tres meses o tempo de concesión de licenzas municipais.