O acusado polo triplo crime de Valga enfróntase á petición de prisión permanente revisable
O acusado polo triplo crime de Valga enfróntase á petición de prisión permanente revisable
O vindeiro luns dará comezo na Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo contra José Luis Abet
Era o 16 de setembro do ano 2019. Aínda non deran as oito da maña e Sandra Boquete, de 39 anos, estaba a punto de saír da casa cos seus fillos, de catro e sete anos.
Consciente do perigo, Sandra meteuse dentro do coche, cos nenos, ao darse conta de que José Luis Abet, o seu exmarido, se achegaba á casa, e chamou por teléfono a súa nai e a súa irmá.
Segundo revelou a investigación, José Luis Abet matou a sua exmuller de tres disparos, diante dos fillos de ambos. Fuxiu do lugar, pero no camiño cruzouse coa nai e a irmá de Sandra, ás que ela chamara minutos antes. Deu a volta para ir tras elas. Disparoulles e matounas tamén.
Hai varias testemuñas que o viron neses momentos.
Tras o crime, Abet regresou á casa de seus pais, en Ames, dende onde chamou a Garda Civil para confesar os crimes.
Así era recibido o autor confeso ao entrar nos xulgados de Caldas. Amais do impacto emocional no lugar de Carracido, onde sucederon os feitos, o chamado triplo crime de Valga provocou unha expresión popular e institucional de repulsa á violencia machista, que chegou ao Congreso dos Deputados.
A orixe da arma coa que efectuou os disparos ou as mensaxes que enviou por WhatsApp a un coñecido, falando dos feitos, serán algunhas das claves no xuízo que comeza o vindeiro luns. José Luis Abet está acusado de tenza ilícita de armas, dos asasinatos da súa exparella, a súa excuñada e a súa exsogra, e tamén se enfronta a un delito de lesións psicolóxicas contra os seus fillos, diante dos que cometeu os crimes.
A fiscalía e as acusacións pedirán para el a condena de prisión permanente revisable.