Xulgado un avogado de Ourense por un presunto delito de estafa
Xulgado un avogado de Ourense por un presunto delito de estafa
Denunciouno unha clienta por cobrarlle supostamente por un recurso que o avogado non presentou
Reclámanlle 5.595 euros e un ano de inhabilitación
Un avogado de Ourense sentou no banco dos acusados por un presunto delito de estafa. Unha clienta reclámalle os 5.595 euros que di que lle pagou para que presentase un recurso de casación, cousa que non fixo.
A demandante contratouno en 2017 para solicitar unha incapacidade permanente, que gañou en primeira instancia no xulgado de Ourense, pero despois perdeu no Tribunal Superior. Había entón que presentar recurso ao Supremo en Madrid, pero non o presentou.
A demandante afirma que o avogado seguiu cobrándolle por ese servizo, como se o procedemento seguise aberto. Declarou que efectuou varios pagamentos durante case dous anos, e que non conseguiu que lle devolvera os cartos cando descubriu que o caso estaba pechado.
Na súa declaración, o acusado afirmou que non presentou o recurso no Supremo por orde da demandante, que foi ela a que decidiu desistir cando lle explicou que se perdía no Supremo podía ter que aboar as custas procesuais. O acusado alegou ademais non recordar todos os detalles, porque daquela padecía problemas de saúde polos que segue actualmente de baixa.
A defensa solicitou para el a libre absolución. Fiscalía e acusación piden o reembolso deses 5.595 euros, e un ano de inhabilitación para exercer como avogado.