Xuño podería ser máis húmido do habitual
Xuño podería ser máis húmido do habitual
Os chuvascos treboentos continuarán nas primeiras semanas do mes
Por seco que pareza o día, non deixen o paraugas na casa, e tampouco o chuvasqueiro. O bochorno e as treboadas destes días non nos van deixar en xuño.
"Serán días moi semellantes aos da última semana. Mañás secas, ceo nubrado, ambiente húmido e treboadas máis probables no sur de Galicia", explica Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia.
A previsión apunta a un mes xuño máis húmido do habitual en toda a Península. Unha boa nova, tendo en conta que o nivel dos encoros baixou nos últimos días malia a chuvia.
"Se a chuvia persiste e seguimos con elas un tempo probablemente acaben influíndo de forma positiva nas reservas de auga. Os modelos falan de polo menos dúas primeiras semanas húmidas en xuño", engade o meteorólogo.
Pero nunca chove a gusto de todos, e tamén hai quen lamenta os danos que poden traer as treboadas nesta época do ano. "As patacas esmáganse se vén a auga forte de golpe"; "Quero que chova, pero así todo xunto estraga as froiteiras"; "Parece que vai vir verán seco, mellor que chova agora que é un mes que non adoita chover moito, así alivia esas zonas onde fai tanta falta".
A cara e a cruz dun tempo que nos podería acompañar ao longo do primeiro mes de verán.