Xustiza bloquea unha web que pirateaba 12.000 títulos de libros
Xustiza bloquea unha web que pirateaba 12.000 títulos de libros
Un xulgado de Madrid bloqueou a páxina epublibrosgratis.com por vulnerar os dereitos de propiedade intelectual de autores e editores
O Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 12 de Madrid ordenou o bloqueo da páxina epublibrosgratis.com"
por vulnerar os dereitos de propiedade intelectual de autores e editores, xa que esta web daba acceso a máis de 12.000 títulos de libros.
Segundo informou hoxe Cedro (asociación de autores e editores de libros, revistas, xornais e partituras), este fallo xudicial é o resultado da solicitude que interpuxo ante a Sección 2ª da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura para o restablecemento dos dereitos de Propiedade Intelectual vulnerados mediante a páxina citada.
Esta páxina web ofrecía sen a autorización dos seus titulares de dereitos máis de 12.000 títulos de libros, fundamentalmente de literatura de actualidade e obras de grande éxito. Segundo Jorge Currais, director de Cedro, a piratería de libros e prensa "segue sendo un problema en España".
"Necesítanse recursos e formación -engadiu- para que esta práctica ilegal desapareza. Desde a nosa entidade destinamos moitos esforzos e tecnoloxía a reducir o impacto negativo da piratería na actividade de autores e editores".
Como consecuencia da resolución do xulgado, os servizos de acceso a Internet españois xa comezaron a inhabilitar o acceso ao dominio https://epublibrosgratis.com, así como a calquera dominio web que o responsable puidese utilizar, ou que redirixa á devandita páxina.
En caso de incumprimento, poderán sufrir as sancións previstas na Lei de Servizos da Sociedade da Información. Na actualidade Cedro ten como membros 31.759 escritores, tradutores, xornalistas e editoriais do noso país. EFE