Picatoste: "Recoñecer o 'lawfare' supón admitir que a xustiza é unha arma de loita política"

O secretario da Asociación Profesional da Maxistratura e presidente da Audiencia da Coruña di que o acordo entre o PSOE e Junts supón a negación da democracia e do Estado de dereito en España ao se cuestionar a independencia do Poder Xudicial

G24.gal 10/11/2023 10:51

O secretario da Asociación Profesional da Maxistratura e presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Ignacio Picatoste, criticou este venres nunha entrevista no Galicia por diante o acordo asinado entre PSOE e Junts que abre a porta a unha amnistía estendida aos casos de lawfare e a revisión desas decisións xudiciais en comisións de investigación no Congreso.

Advirte Picatoste que recoñecer o lawfare supón "admitir que a xustiza é unha arma de loita política".

Entende que esa referencia é cuestionar a independencia do Poder Xudicial e apunta que "como pretender que un termo de loita xudicial, de combate xudicial, teña existencia ou cabida nunha democracia? Supón que un dos seus piares fundamentais, un Poder Xudicial independente que garante os dereitos dos cidadáns e que actúa conforme as leis aprobadas polo poder lexislativo non actúa desa forma, actúa en funcións dunhas estrañas conspiracións, duns estraños intereses que son materialmente imposibles para calquera que coñeza o noso procedemento e a nosa estrutura xudicial".

Critica calquera revisión por parte do Congreso das decisións xudiciais porque "é unha quebra do estado de dereito, unha ruptura do poder xudicial e, en último termo, a ruptura das garantías dos cidadáns". 

Apoia Picatoste a posición do Consello Xeral do Poder Xudicial e do resto de asociacións de xuíces e fiscais que falan dunha inxerencia inadmisible na independencia xudicial e un atentado fragrante á separación de poderes.

O maxistrado da APM asegura que o órgano de goberno dos xuíces ten "a obriga de defender a independencia xudicial nas instancias nacionais e internacionais. Eles decidirán cal é a vía máis acaida para defender o estado de dereito". 

A preguntas sobre a futura lei da amnistía, Picatoste amósase cauto antes de coñecer o contido da norma. Si valora as explicacións do PSOE de que serán os xuíces os que deberán interpretar e aplicar a lei, Picatoste di que é "cando menos curioso" que se se trata de eliminar os pronunciamentos dos tribunais sexan os propios tribunais que os fixeron os que determinen ou non a súa aplicación".

Engade o maxistrado que "a lei de amnistía ten que producirse nuns termos tales que non sexan interpretables ou modulables" antes de lembrar que cando se redactou a Constitución non se recolleu unha amnistía porque "o constituínte pensou que nunha sociedade normal, democrática e constitucional non sería precisa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade