A empresa galega Ecoener inaugura dous parques fotovoltaicos na República Dominicana
A empresa galega Ecoener inaugura dous parques fotovoltaicos na República Dominicana
Son os primeiros dos cinco que vai instalar no país
Xa están en marcha os dous primeiros parques fotovoltaicos que a empresa galega Ecoener constrúe na República Dominicana. Cunha potencia de 97 megawatts producirán enerxía limpa para abastecer preto de 50.000 fogares e evitarán a emisión de 140.000 toneladas de CO2 á atmosfera.
"Ten a vantaxe para o país de que reduce o prezo da enerxía. É un país que está acostumado a pagar cantidades moi elevadas polo prezo da enerxía e estes proxectos de enerxías renovables reducen o prezo co cal é un beneficio para todos", explicaba Luis de Valdivia, presidente de Ecoener.
Á inauguración asistiu o presidente da República Dominicana, un país onde Ecoener segue ampliando o seu negocio.
"Eliximos República Dominicana porque ten un sistema de retribuír ao investimento moi claro, estable, concreto e moi fiable", aclaraba de Valdivia.
A empresa galega de enerxías renovables contará a finais de 2024 con cinco parques fotovoltaicos na República Dominicana. O investimento achégase aos 300 millóns de dólares. Só os dous primeiros que acaban de inaugurar garántenlle uns ingresos de 250 millóns nos próximos 15 anos.