A familia de Antonio Tuñas confirma que o cranio tiña unha ferida dun obxecto punzante
A familia de Antonio Tuñas confirma que o cranio tiña unha ferida dun obxecto punzante
A Garda Civil ten un operativo de busca en Mazaricos, onde apareceu o cranio, para tentar localizar o resto do corpo
Logo de que aparecera o cranio de Antonio Tuñas no lugar de Gosolfre, en Mazaricos, a Garda Civil traballa agora na busca do resto do corpo. Delimitaron unha zona á beira do río San Paio, e hai uns vinte axentes e dous cans rastrexando a área.
O caso está baixo segredo de sumario, pero á familia xa lle foron confirmando algúns detalles. O cranio tiña unha ferida feita cun obxecto punzante. "Confirmáronme que tiña un golpe dun obxecto punzante no lado esquerdo", di Xosé Antonio, fillo do falecido.
Explica que están buscando sobre todo na zona das fervenzas de Gosolfre. O avance na investigación que supuxo o achado do cranio chegou, di Xosé, cando case perderan a esperanza.
"Eu xa case pensaba que estaba esquecido o caso, pero vexo que seguen e iso vale". Espera que a busca dea resultado axiña, "polo menos por dicir que sabes onde está e quedar un pouco máis tranquilo, dentro do que cabe".
Se non hai novidades, a previsión é que o operativo de busca siga activo varios días nesta zona. A investigación está aberta dende decembro do ano pasado, cando se lle perdeu a pista a Antonio Tuñas en Mazaricos.