A provincia de Pontevedra estrea unha nova planta de compostaxe este mes

O Goberno galego completa a rede de plantas de biorresiduos para cumprir coa lei europea

A Xunta proporcionará axudas para que os concellos implanten o colector marrón para residuos orgánicos

G24.gal 04/11/2023 17:12 Última actualización 04/11/2023 18:38

Sogama estreará este mes a planta de compostaxe de Vilanova de Arousa, que dará servizo a 26 concellos da provincia de Pontevedra. Nunha visita hoxe ás instalacións, o presidente Alfonso Rueda destacou que con esta nave a Xunta completa a rede de infraestruturas necesarias para cumprir coa lei europea que obriga a instalar en todas as localidades un colector marrón para residuos orgánicos a partir de xaneiro.

A nave de Sogama en Vilanova ten capacidade para tratar ata 15.000 toneladas da materia orgánica que xeren os 327 mil habitantes dos 26 concellos aos que dará servizo. Con ela a Xunta completa a rede de plantas de biorresiduos, unha por provincia, para facilitarlles aos concellos cumprir coa obriga de ter colectores marróns a partir do un de xaneiro. O presidente Alfonso Rueda destaca o investimento de case 16 millóns de euros nesta planta para avanzar cara a unha Galicia máis limpa.

A Xunta explica que esta planta de Vilanova conta con tecnoloxía punteira para evitarlles malos cheiros e ruídos aos veciños. Asegura tamén o Goberno galego que haberá axudas para que os concellos implanten o colector marrón destinado a residuos unicamente orgánicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade