A vacinación contra a gripe e a covid segue en marcha en Galicia
A vacinación contra a gripe e a covid segue en marcha en Galicia
Remata a campaña de fin de semana contra a gripe para os máis cativiños
Aínda é posible, porén, pedir cita para vacinalos entre semana
Tamén se mantén aberta a cita para os colectivos de risco menores de 60
Finaliza a campaña de vacinación fronte á gripe para os meniños de entre 6 e 59 meses habilitada nos hospitais públicos galegos sábados e domingos. Comezara a fin de semana pasada, co propósito de que os proxenitores tivesen máis facilidades para levar os cativos a inmunizarse.
"Non chorou ningún dos dous e déronlles un diploma de superheroes", di a nai de dous nenos.
"Hai que previr. Así eles evitan enfermarse e os maiores están máis protexidos de forma indirecta", engade o pai dos menores.
Desde a Consellería de Sanidade recordan que a vacina da gripe está recomendada de forma sistemática para os máis pequenos e puntualizan que os que queiran ir entre semana están a tempo de solicitar a cita no seu centro de saúde ou a través da aplicación SergasMóbil.
Este domingo artellouse tamén unha convocatoria especial para que os maiores de 80 anos que aínda non recibiran as vacinas contra a gripe e a covid puidesen acudir aos grandes recintos das súas áreas sanitarias a poñer as doses.
Mentres, o sistema de cita previa para que os colectivos de risco de menos de 60 anos se protexan fronte ás dúas enfermidades segue en marcha.
O que finalizou foi o ensaio clínico para avaliar a eficacia da vacina da gripe de alta carga entre a poboación de 65 a 79 anos. Desde a Consellería indicaron que participaran no estudo máis de 59.000 galegos e galegas.