A Xunta activa a alerta laranxa este mércores por Ciarán, unha borrasca de grande impacto

Temporal costeiro e vento en terra de ata 100 quilómetros por hora

O episodio durará 24 horas e tamén deixará chuvia abondosa

G24.gal 31/10/2023 20:04 Última actualización 31/10/2023 20:33

Este mércores toca terra Ciarán, a borrasca de grande impacto que varrerá Galicia entre o mércores e o xoves. Hai activa unha alerta laranxa de protección civil por vento de ata 100 quilómetros por hora na provincia da Coruña e Lugo, non interior de Pontevedra e en zonas de montaña. E por temporal costeiro en todo o litoral da comunidade.

O mar estára aínda máis revolto que este martes, cando xa deu un bo susto. Un pesqueiro de baixura, o Nuevo Abeijón, afundiu fronte ao monte Louro. Os catro tripulantes lograron subir ás rochas onde os puido rescatar o helicóptero Pesca 1 mentres a forza das ondas rebentaba o barco.

En dúas aldeas do concello coruñés de Oza-Cesuras temen que Ciarán lles esnaquice máis as vivendas danadas polo que cren puido ser un tornado. Afectou unha área de 30 metros de ancho por un quilómetro e medio de longo levando tellados e arrancando ducias de árbores de gran tamaño.

 "Empezou a sarabiar, un pedrazo duro. Parou de sarabiar, veu o vento, e en nada, en cuestión de dous minutos, varreu todo", explica un dos veciños.

Tamén tenta protexer de máis danos a capela de San Roque, en Pazos de Arenteiro. Sufriu unha derruba parcial tras a chuvia das últimas xornadas. De orixe medieval, ten un elevado valor patrimonial pero tamén sentimental.

 Estamos moi afectados, é o noso patrimonio, explican no lugar.

"Temos medo que caía o tellado. Que veña máis chuvia e o bote abaixo", explica unha veciña.

 Pois si, porque Ciarán ademais da alerta laranxa por temporal costeiro e vento activa unha alerta amarela por chuvias. En calquera punto de Galicia poden acumularse 40 litros por metro cadrado en doce horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade