Alcoa apraza "temporalmente" o forno de cocción de ánodos na planta de San Cibrao
Alcoa apraza "temporalmente" o forno de cocción de ánodos na planta de San Cibrao
A compañía xustifica esta decisión pola súa "complexa situación financeira"
Alcoa comunicou ao persoal a súa decisión de "aprazar temporalmente" a aprobación definitiva do proxecto do forno de cocción de ánodos, o principal investimento previsto para o complexo industrial de San Cibrao, en Cervo (Lugo), cuns 109 millóns de dólares.
A multinacional americana alega unha "complexa situación financeira", dado que as plantas de San Cibrao "esperan perdas significativas" para 2024 debido a "unha variedade de factores", como o prezo da enerxía e os do aluminio e a alúmina.
A compañía insiste en que esta decisión de aprazar o forno de cocción de ánodos "non implica un incumprimento" dos seus compromisos co persoal, entre eles o principal de volver producir aluminio primario desde xaneiro de 2024.
"Seguimos traballando para cumprir co establecido no acordo de viabilidade e estamos comprometidos a facer todo o que poidamos para lograr o mellor resultado para os nosos empregados". Tamén reitera o seu agradecemento polo compromiso e profesionalidade que veñen demostrando os traballadores da fábrica.
O Comité de Empresa e o Goberno esixen unha reunión
Despois de coñecer esta decisión, o Comité de Empresa solicitou unha reunión "de urxencia" coa dirección da compañía en España para "aclarar" esta situación. Tamén o Ministerio de Industria e Turismo decidiu convocar "proximamente" a comisión de seguimento para analizar o impacto desta medida.
Para o departamento que dirixe o ministro Jordi Hereu, a prioridade é "garantir o futuro da actividade produtiva e o mantemento do emprego" en San Cibrao, "de conformidade cos compromisos adquiridos cos traballadores", e que "se asegure a viabilidade" da planta.