Condenados a cinco e catro anos de cadea os dous acusados de dar unha malleira a dous mozos en Vigo

O tribunal identifícaos "sen ningunha dúbida" como os agresores nun vídeo gravado por unha testemuña

G24.gal 04/12/2023 18:24

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou os dous acusados de propinar unha malleira a dous mozos na rúa Hernán Cortés da cidade, en xaneiro de 2022, ás penas de cinco anos e tres meses e catro anos e tres meses de prisión, respectivamente, como coautores dun delito de lesións con deformidade e dun delito de leve de lesións.

Ademais da pena de prisión, o tribunal impón a cada un deles o pagamento dunha multa de 360 euros e indemnizacións que suman máis de 20.000 euros

A Audiencia considera probado que ambos os acusados, na madrugada do 30 de xaneiro de 2022, estableceron unha discusión coas vítimas e "de común acordo, tanto na acción como no resultado, e con ánimo de menoscabar a integridade física" dos dous mozos, propináronlles unha serie de golpes e patadas que acabaron con eles tirados no chan, en estado de semiinconsciencia.

A Audiencia dá credibilidade ás declaracións das testemuñas, especialmente daquelas que non teñen vinculación ningunha con vítimas e acusados, e ás imaxes que foron gravadas por outra testemuña cun teléfono móbil.

Na sentenza, que non é firme e contra a que cabe recurso de apelación #ante o TSXG, tamén se establece que os acusados deberán pagar as custas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade