Deteñen o dono do Novo Furuno, interceptado en agosto cuns 1.300 quilos de cocaína

O arrestado estaba en busca e captura desde a incautación do pesqueiro e supostamente permanecía refuxiado nalgún lugar da beira norte da ría da Arousa

A xuíza de Corcubión que instrúe o caso ordenou o seu ingreso en prisión sen fianza

G24.gal 01/12/2023 13:51 Última actualización 01/12/2023 20:35

Axentes da Policía Nacional detiveron este xoves o propietario do pesqueiro Nuevo Furuno, que o pasado mes de agosto foi interceptado preto de Camariñas cando transportaba 45 fardos de cocaína con algo máis de 1.300 quilos de droga.

Segundo avanza o dixital Narcodiario, o detido refuxiárase na beira norte da ría da Arousa, de onde é orixinario, e foi arrestado por axentes da sección Greco Galicia da Policía Nacional, en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira.

Este venres á mañá pasou a disposición xudicial no xulgado número 2 de Corcubión, ante a xuíza que instrúe a investigación sobre esta causa, onde optou por acollerse ao dereito a non declarar. Posteriormente decretouse o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza, investigado por un suposto delito contra a saúde pública.

O arrestado, Luis Alfredo Y. M., alias Lucho, estaba en busca e captura desde que o 10 de agosto abordaran o Nuevo Furuno, en que ía un só tripulante, natural de Boiro, para o cal se decretou o ingreso en prisión. 

O barco fora vendido meses antes por un mozo de Camelle a unha persoa, presuntamente o agora detido, da que se sabía que tamén era de Boiro pero residía en Camariñas.

Tras a incautación do barco, cando chegaba ao peirao de Santa Mariña, en Camariñas, a pesada da droga deu un total de máis de 1.300 quilos, que alcanzarían un valor superior aos 40 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade