Deteñen por homicidio imprudente o condutor do accidente mortal de Pol
Deteñen por homicidio imprudente o condutor do accidente mortal de Pol
Ao arrestado fóralle retirado o permiso de conducir por sentenza xudicial e deu positivo no control de alcoholemia
No sinistro faleceu un home que viaxaba canda el no asento do acompañante
A Garda Civil detivo un home de 38 anos como investigado por un suposto delito de homicidio por imprudencia tras comprobar que carecía de permiso de conducir en vigor e de que dese positivo no control de alcoholemia despois do accidente que lle custou a vida ao seu acompañante no concello de Pol.
O sinistro produciuse o pasado 9 de outubro na estrada autonómica LU-760, á altura dese municipio lugués, cando o coche que conducía o detido saíu da vía e acabou encaixado contra unha árbore. A persoa que o acompañaba como copiloto faleceu practicamente no acto por mor do impacto.
A investigación realizada polos axentes de Tráfico permitiu comprobar que ningún deles levaba posto o cinto. Ademais, o condutor tiña retirado o permiso por sentenza xudicial e deu positivo no control de alcoholemia, cunha taxa de 0,60 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
A Garda Civil entende que “as accións e omisións que concorren no sinistro apuntan cara á existencia dunha infracción do deber de coidado esixible, imprudencia grave, polo que se procedeu á detención do condutor do vehículo” por “a comisión un suposto delito de homicidio imprudente, outro delito pola condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e un terceiro por facelo con perda de vixencia xudicial”.