En prisión tres dos catro detidos por atracar unha gasolineira á man armada en Lugo
En prisión tres dos catro detidos por atracar unha gasolineira á man armada en Lugo
Malia levaren a cara tapada, a policía prendeu os presuntos atracadores en menos dun día
A policía prendeu en Lugo catro homes en relación co atraco a unha gasolineira na zona da Louzaneta, ás aforas da cidade.
Segundo relatan no negocio, tres deles acudiron ao establecemento coa cara tapada e ameazaron un empregado cun coitelo para se faceren coa recadación mentres o cuarto implicado agardaba nun vehículo.
Sucedeu de madrugada, e en menos dun día os presuntos atracadores xa estaban identificados e detidos.
Miguel Ferreiro, empregado da gasolineira: "Un traía un coitelo e leváronlle a recadación da noite. Ao pouco de marcharen, apareceu outro a cara descuberta cunha lata para levar carburante".
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "A primeira patrulla que chega xa comeza as pesquisas, continuadas pola policía xudicial, e nas primeiras doce horas identifícanse os implicados. E ás 24 horas, xa están os catro identificados e detidos".
Os arrestados son vellos coñecidos das forzas policiais. De feito, varios teñen antecedentes por outros delitos e un deles xa estaba a ser investigado por outro roubo con violencia cometido recentemente tamén en Lugo.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "O visionado das cámaras de vixilancia foi importante para a investigación, xunto con outras dilixencias que se fixeron para achegar probas da participación destas persoas neses feitos".
Unha vez foron postos a disposición da xustiza, tres dos detidos ingresaron en prisión, mentres que o condutor que supostamente os levou á gasolineira está en liberdade con cargos.