A falecida na estrada entre Xinzo e Vilar de Barrio caeu dun vehículo en marcha
A falecida na estrada entre Xinzo e Vilar de Barrio caeu dun vehículo en marcha
A muller, que viaxaba de copiloto do home nunha furgoneta, tentaba coller o móbil cando se abriu o portón traseiro
A Garda Civil, que investiga as circunstancias do suceso, desbota en principio a intención criminal
A muller, de 59 anos, ía nunha furgoneta branca que conducía o seu marido pola estrada que vai de Xinzo a Vilar de Barrio. Dirixíanse á matanza que celebraba a súa familia na aldea de Folgoso e cando ía coller o móbil ocorreu o accidente, á altura da localidade de Morgade. Caeu do coche en marcha e faleceu no acto.
"Cóntanme familiares da persoa que faleceu, ela non ía conducindo, simplemente caeulle o móbil dentro da furgoneta e pola desgraza, sen que ninguén saiba como foi nin como aconteceu, abriuse a porta e ela caeu. E ao caer tivo o accidente e faleceu", conta Luís Veloso, un veciño de Xinzo de Limia.
Un fatídico accidente que ten consternada a veciñanza da Limia. A muller falecida era natural da aldea da Pena e estaba casada en Folgoso. Vivía coa súa parella na vila de Xinzo de Limia. Toda a familia é moi coñecida e querida na zona.
Ata o lugar trasladouse o helicóptero medicalizado pero o equipo sanitario xa non puido facer nada para salvarlle a vida. O seu corpo foi trasladado ao hospital de Ourense para practicarlle a autopsia.
A Garda Civil traballa para esclarecer as circunstancias do suceso. En principio, desbota a intención criminal do accidente que, nun primeiro momento, tratou como posible atropelo.