Feijóo: "España perdeu, os independentistas están a gañar e o PSOE desapareceu"
Feijóo: "España perdeu, os independentistas están a gañar e o PSOE desapareceu"
Vox chama á "resistencia civil" ante un "período negro" en España
Yolanda Díaz: "A serenidade e a convivencia impuxéronse ao ruído e ao odio"
Alfonso Rueda: "Puigdemont consegue todo o que quería e Sánchez, seguir na Moncloa"
Duras críticas dos baróns do PP a unha amnistía que Aragonès celebra
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves tras o pacto asinado entre o PSOE e Junts para a investidura de Pedro Sánchez que "España perdeu, os independentistas están a gañar e o PSOE desapareceu".
Nunha declaración institucional "urxente e solemne" na sede do PP, Feijóo acusou a Sánchez de actuar por "conveniencia persoal, non por convivencia colectiva" e de "ceder nunha chantaxe" tras un acordo que, na súa opinión, "converte en legais feitos delituosos", en alusión á amnistía.
Abascal: Iniciamos unha "resistencia civil" ante un "período negro" en España
O líder de Vox, Santiago Abascal, dixo este xoves que o pacto supón o comezo dun "período negro na historia de España", ante o que o seu partido inicia unha "resistencia civil que, augura, será longa".
Abascal apelou en conferencia de prensa a unha "resistencia civil pacífica pero firme" e reiterou o seu apoio ás concentracións contra a lei de amnistía que veñen producindo ante sedes do PSOE en diferentes cidades españolas.
"Isto só ten un fin: ou o autócrata con afán de tirano sentado no banco ou os que nos opoñemos ao golpe no cárcere. É a resistencia que se inicia nestes momentos ante un Goberno que está disposto a todo", declarou o líder Vox.
Sumar celebra o pacto fronte á dereita "máis violenta de carácter fascista"
A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, dixo este xoves que o pacto asinado entre o PSOE e Junts para a investidura de Pedro Sánchez é "unha gran noticia" fronte ás dereitas que mostraron "a súa expresión máis violenta de carácter fascista" e "racista".
Yolanda Díaz, líder da formación, dixo que "a serenidade e a convivencia impuxéronse ao ruído e ao odio".
El 23J dijimos que íbamos a tener un gobierno de coalición progresista. Han sido meses difíciles, pero la serenidad y la convivencia se han impuesto al ruido y al odio.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) November 9, 2023
Seguiremos avanzando en la senda del progreso social. Más derechos, más futuro.
En Sumar cren que chegou o momento de pasar páxina.
Rueda: "Puigdemont consegue todo o que quería e Sánchez, seguir na Moncloa"
Desde Galicia, o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou que "Puigdemont consegue todo o que quería e o señor Sánchez, o único que quería, que é seguir na Moncloa".
Para o presidente da Xunta, co pacto entre o PSOE e Junts os socialistas renuncian a unha España igualitaria.
A líder do BNG, Ana Pontón, considerou "positivo" o acordo que abre a vía para resolver os conflitos de índole "política" e facilitar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.
"Os conflitos ou os debates políticos hai que canalizalos polas vías políticas", explicou Pontón.
Os socialitas ven despexada a investidura de Pedro Sánchez. O deputado do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro, pedía "extraer a lectura do 23 de xullo, que non foi precisamente que o PP e Vox gobernasen".
Para Besteiro, o que reclamaron os electores foi "unha maioría suficiente, plural e diversa". "Hoxe é un día moi bo para España, e tamén moi bo para Galicia", concluíu.