O Goberno actualizará o censo do lobo para decidir o seu grao de protección

O secretario de Estado de Medio Ambiente Hugo Morán explicou que calquera rebaixa na protección desta especie tería que estar motivada cun informe científico 

G24.gal 30/11/2023 22:49 Última actualización 30/11/2023 23:06

O Ministerio para a Transición Ecolóxica principiou o procedemento para elaborar un novo censo do lobo ibérico. Unha vez se teñan os datos actualizados por comunidades autónomas, decidirase o grao de protección desta especie.

O secretario de Estado de Medio Ambiente Hugo Morán explicou en declaracións aos medios en Torrelavega que o último censo que se elaborou en 2014 determinou que o lobo estaba nunha situación "desfavorable", por ese motivo se puxo en marcha o procedemento para a súa inclusión na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especia (LESPRE).

Agora hai que remitir un novo informe sexenal a Bruxelas, o último foi no ano 2019, e o Ministerio iniciou o procedemento para elaborar un novo censo, para o cal é "imprescindible" a colaboración das comunidades autónomas, de forma que se determine, en función dos datos, se a situación "é igual, mellor ou peor" que en 2014.

Hugo Morán explicou que aínda non se recibiu a "conformidade de colaboración" de Cantabria, aínda que no Ministerio se segue adiante co proceso, e cando se elabore o informe sexenal farase cos últimos datos dispoñibles, por tanto "sería conveniente que as comunidades autónomas incorporen canto antes os datos".

Sobre unha posible rebaixa na protección do lobo, o secretario de Estado de Medio Ambiente precisou que, unha vez que se constata a situación da especie, calquera institución, organismo ou colectivo, mediante achega dun informe científico motivado, pode solicitar a súa "reclasificación", que deberá ser validada por Bruxelas.  

Hugo Morán tratou este asunto coas organizacións agrarias cántabras para trasladarlles información transparente e accesible" sobre un tema que lles "preocupa", dixo, e sobre o que hai "bastante desinformación, moita confusión e incerteza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar