O restaurante Terra, nova Estrela Michelin

Brais Pichel, chef do restaurante de Fisterra, foi o novo galego galardoado

G24.gal 28/11/2023 20:37 Última actualización 28/11/2023 23:10

A Guía Michelin 2024 recoñeceu 31 restaurantes de España cunha Estrela Michelin, que se anunciou este martes na Gala da Guía Michelin 2024, celebrada no Centre de Convencions Insternacionals de Barcelona (CCIB).

Nesta ocasión, a nova Estrela Michelin de Galicia, foi para o restaurante Terra, de Fisterra. Recolleuna o seu chef Brais Pichel, que recibiu por primeira vez este galardón. Terra leva tres anos funcionando no paseo da Ribeira, a pé do porto de Fisterra, e xa ten outros recoñecementos como un Sol Repsol. É o único restaurante galego en conseguir Estrela Michelin este ano.

Terra súmase con esta nova distinción a unha listaxe en que xa son 17 os restaurantes en Galicia, que acumulan en total 19 estrelas, entre eles Culler de Pau do Grove e Pepe Vieira Camiño da Serpe, de Poio, con dúas cada un.

Ademais de Terra, unha estrela Michelin teñen os restaurantes Maruja Limón e Silabario, de Vigo; Eirado dá Leña, de Pontevedra; Yayo Daporta, de Cambados; Casa Solla, de Poio; Árbore da Veira, da Coruña; As Garzas, de Malpica; Retiro da Costiña, de Santa Comba; A Tafona e Casa Marcelo, de Santiago de Compostela; O Pazo, de Padrón; Restaurante Miguel Ángel González, de Pereiro de Aguiar, e Nova e Ceibe, de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade